SUMANDO FORZAS, COMPROMISO COA MAREA


Os resultados en Galicia das eleccións xerais do pasado decembro deixan ben ás claras a existencia dunha vontade de cambio por parte da sociedade galega que se manifestou na eclosión e o excelente resultado electoral da candidatura “En Marea” e nunha caída moi significativa do bipartidismo. Desde 2012 asistimos á emerxencia dun novo suxeito político, nun proceso de acumulación de forzas cara a unha alternativa de cambio, proceso do que Compromiso por Galicia foi quedando á marxe ao tempo que estreitaba a súa propia base de apoio, como poñen de vulto os magros resultados obtidos coas distintas fórmulas en que concorreu ás sucesivas convocatorias electorais, incluíndo o abstencionismo ante os últimos comicios.

A cidadanía galega estanos a indicar, agora de xeito máis nidio que nas pasadas eleccións municipais, que o cambio político no noso país terá unha expresión plural e terá como protagonista clave a “En Marea”, un suxeito político en construción e que, a pesar das incógnitas propias dun proxecto que nace, é o que xera ilusión de cara ao futuro inmediato do país.

En poucos meses enfrontarémonos a unhas eleccións galegas que probablemente abran a porta a un goberno alternativo ao PP. Neste contexto, Compromiso por Galicia debe apostar decididamente por sumar nese novo espazo político que constitúe “En Marea” con vontade colaborativa, coa intención de ampliar a base política e social e reforzar o arraizamento no país tanto do propio partido como do novo espazo, achegando o noso acervo ideolóxico do nacionalismo cívico, socialdemócrata e progresista e a nosa práctica política de raíz netamente democrática e participativa. Pensamos que Compromiso debe sumar o noso capital humano, a nosa demostrada capacidade de organización e a experiencia política e institucional acadada nestes 3 anos para conseguirmos o cambio ilusionante no goberno da Xunta de Galicia que a sociedade galega esixe nas urnas e na rúa.

A nosa vontade decidida de participación na plataforma política e electoral "En Marea" non implica renunciar á autonomía, á identidade nin á capacidade de actuación de Compromiso por Galicia e dos seus grupos municipais. Participar na Marea é, sen dúbida, a mellor opción para que o noso partido manteña e consolide o seu proxecto estratéxico.

Historicamente, o galeguismo afortalouse mediante a colaboración con forzas de ámbito estatal cando as circunstancias políticas o esixían. Así o fixo o BNG co PSOE durante o goberno galego de coalición 2005-2009, que abriu unha fenda de esperanza no futuro. Así o fixo o Partido Galeguista de Castelao no ano 1936 para conseguir a activación do proceso de apronación do Estatuto de Autonomía, participando na defensa da República. Así o fixeron os líderes galeguistas que se entenderon cos republicanos galegos no Compromiso de Barrantes de 1930, os candidatos galeguistas nas eleccións para as Cortes constituíntes da II República en 1931, cando se integraron no grupo parlamentario da ‘Minoría Galega’, da ORGA. Tamén o fixeron así as Irmandades da Fala da Coruña ao asociarse co republicanismo federal, cando no ano 1922 Lois Peña Novo foi elexido primeiro concelleiro galeguista da historia. É o momento de erguermos de novo a bandeira das Irmandades e contribuírmos coas nosas forzas e desde as nosas posicións ao cambio político que a sociedade galega precisa e desexa.

COMPROMETIDOS COA MAREA