A nosa proposta para este domingo 17 de abril na Convención Nacional de Compromiso por Galicia


Defenderán a proposta: Xosé Manuel Pérez Bouza e Xulia Guntín Araújo 

Xosé Manuel Pérez Bouza e Xulia Guntín Araújo

PROPOSTA B

Compromiso decide presentarse ás Eleccións Galegas que se celebrarán no presente ano de 2016. 

Como fórmula de concorrencia electoral, Compromiso aposta por participar nunha candidatura ampla, diversa, plural e ilusionante para a cidadanía, na liña do que que foi EN MAREA nas Eleccións Xerais, co obxectivo de ser útiles a Galicia, afianzar o noso proxecto político autónomo e contribuir a impulsar un cambio de goberno no noso País, derrotando ao Partido Popular. 

A afiliación de Compromiso será consultada outra vez, unha vez coñecidos os termos da candidatura finalmente proposta, para refrendar ou non o apoio definitivo á mesma.

 MANIFESTO

Os resultados en Galicia das eleccións xerais do pasado decembro deixan ben ás claras a existencia dunha vontade de cambio por parte da sociedade galega que se manifestou na eclosión e o excelente resultado electoral da candidatura “En Marea” e nunha caída moi significativa do bipartidismo. Desde 2012 asistimos á emerxencia dun novo suxeito político, nun proceso de acumulación de forzas cara a unha alternativa de cambio, proceso do que Compromiso por Galicia foi quedando á marxe ao tempo que estreitaba a súa propia base de apoio, como poñen de vulto os magros resultados obtidos coas distintas fórmulas en que concorreu ás sucesivas convocatorias electorais, incluíndo o abstencionismo ante os últimos comicios. 

A cidadanía galega estanos a indicar, agora de xeito máis nidio que nas pasadas eleccións municipais, que o cambio político no noso país terá unha expresión plural e terá como protagonista clave a “En Marea”, un suxeito político en construción e que, a pesar das incógnitas propias dun proxecto que nace, é o que xera ilusión de cara ao futuro inmediato do país. 

En poucos meses enfrontarémonos a unhas eleccións galegas que probablemente abran a porta a un goberno alternativo ao PP. Neste contexto, Compromiso por Galicia debe apostar decididamente por sumar nese novo espazo político que constitúe “En Marea” con vontade colaborativa, coa intención de ampliar a base política e social e reforzar o arraizamento no país tanto do propio partido como do novo espazo, achegando o noso acervo ideolóxico do nacionalismo cívico, socialdemócrata e progresista e a nosa práctica política de raíz netamente democrática e participativa. Pensamos que Compromiso debe sumar o noso capital humano, a nosa demostrada capacidade de organización e a experiencia política e institucional acadada nestes 3 anos para conseguirmos o cambio ilusionante no goberno da Xunta de Galicia que a sociedade galega esixe nas urnas e na rúa. 

A nosa vontade decidida de participación na plataforma política e electoral "En Marea" non implica renunciar á autonomía, á identidade nin á capacidade de actuación de Compromiso por Galicia e dos seus grupos municipais. Participar na Marea é, sen dúbida, a mellor opción para que o noso partido manteña e consolide o seu proxecto estratéxico. 

Historicamente, o galeguismo afortalouse mediante a colaboración con forzas de ámbito estatal cando as circunstancias políticas o esixían. Así o fixo o BNG co PSOE durante o goberno galego de coalición 2005-2009, que abriu unha fenda de esperanza no futuro. Así o fixo o Partido Galeguista de Castelao no ano 1936 para conseguir a activación do proceso de apronación do Estatuto de Autonomía, participando na defensa da República. Así o fixeron os líderes galeguistas que se entenderon cos republicanos galegos no Compromiso de Barrantes de 1930, os candidatos galeguistas nas eleccións para as Cortes constituíntes da II República en 1931, cando se integraron no grupo parlamentario da ‘Minoría Galega’, da ORGA. Tamén o fixeron así as Irmandades da Fala da Coruña ao asociarse co republicanismo federal, cando no ano 1922 Lois Peña Novo foi elexido primeiro concelleiro galeguista da historia. É o momento de erguermos de novo a bandeira das Irmandades e contribuírmos coas nosas forzas e desde as nosas posicións ao cambio político que a sociedade galega precisa e desexa.

Compromiso: abrirse á sociedade e vocación de goberno

Paulo Carlos López López
Pode semellar pouco orixinal, mesmo repetitivo e manido por veces, o concepto de abrirse á sociedade. Non obstante, convén lembralo, porque retrospectivamente foi tamén utilizado en contextos de confronto -mesmamente menos amigables- de posicións políticas hai non tantos anos. Algúns utilizámolo nese preciso momento de encrucillada, mais tamén o facemos agora sen ningún tipo de reparo (a realidade semella cíclica) cando indicamos que as organizacións políticas son patrimonio da afiliación, pero tamén da cidadanía. Ao fin e ao cabo, os partidos medran na medida en que son útiles, e non na medida en que se converten nun fin en si mesmos ou ao servizo do mantemento do posto orgánico (e aquí si os verdadeiros postiños) para unhas direccións que teiman en dar as costas á sociedade. Diciamos daquela (os e as aperturistas, chamábannos de xeito despectivo) que moito mellor unha organización máis grande e con vocación de gobernar, que unha pequena e controlada; que non hai proxecto político, e moito menos con vocación transformadora, que poida triunfar se nos conformamos co 1% dos votos; e incidimos agora que non estamos ante unha Convención de “clarificación”, porque se a enfocamos así estaremos perdidos. Irremediablemente perdidos. Aquí -e falo en xeral, non se me malinterprete- vénseme á cabeza Michels, a burocracia partidaria, a non permeabilidade aos argumentos e a inexistencia da escoita activa, a incapacidade de interpretación da realidade manifestada elección tras elección, a ausencia de diálogo interno, e moitas eivas innatas á maioría das estruturas partidarias. O que algúns cualificaron -moi acertadamente-, como vella política.

Este domingo 17 de abril Compromiso ten que realizar un profundo –e sincero- debate de análise da sociedade na que vivimos, a do ano 2016, a que verdadeiramente é e non a que queremos que sexa, coa conseguinte conclusión do deber de abrirse á sociedade. Recuperar a vocación de goberno que sempre caracterizou ao conxunto da súa afiliación, simpatizantes e votantes ao longo da súa traxectoria vital; conectar cos sectores máis dinámicos dunha Galicia que a día de hoxe están a confiar en En Marea, a xente moza, profesionais liberais ou electorado urbano, achegando a nosa modesta (pero importante!) capacidade de introdución en vilas medias e concellos do rural que a organización ten consolidado, para que o cambio político sexa o máis simétrico e simbiótico posible. Abrirse á sociedade sabendo que o cambio e a derrota do Partido Popular está moi preto e que dependerá de poucos miles de votos; e sabendo que facer política é facela aquí e no momento actual, para aplicar un programa sustentado nas nosas bases fundacionais: socialdemócratas, galeguistas e progresistas. Non outras. Isto é: autogoberno, Estado de Benestar e democracia radical. O que dixemos aló por 2012 e que estamos a reafirmar coa nosa acción de goberno nos concellos. O que fan María Xosé Alfonso en Muros; Rafael Cuíña en Lalín ou Xan Jardón en Vilar de Santos; mais tamén o que fan Xulio Ferreiro na Coruña, Xosé Lois Piñeiro na Pobra ou Martiño Noriega en Compostela.

Á hora de tomar decisións (na vida ou na política, tanto ten) temos que saber analizar o contexto no que unha persoa – ou un partido político- se incardina. Compromiso por Galicia ten algo moi positivo (aquela emenda fundacional do bo compañeiro da Coruña, Rafael Calvo), que é que as decisións na política de alianzas para os procesos electorais tómaas a afiliación e non unha Executiva ou un Consello Político Nacional. En Compromiso sempre empoderamos á nosa xente, e isto conleva unha enorme responsabilidade. Eu só lles pido aos homes e mulleres de Compromiso que escoiten á cidadanía que nas anteriores eleccións municipais depositou a súa confianza en nós e nos deu representación municipal en Outes, Betanzos, A Baña, As Pontes, Maceda, Muros, Barbadás, Sarria, ou Taboadela, ao igual que noutros lugares, e lle pregunten que é o que debemos facer. Por nós, sen dúbida, ¡claro que si! Pero sobre todo (e fóra retórica) polo País. Presentarnos ás eleccións en solitario para pode que, quizais, quen sabe... Ou asumir a responsabilidade do aquí e do agora, que non é outra cousa, nada máis e nada menos, que achegar o noso grao de area para liderar o goberno do País.

Así, o vindeiro día 17 de abril a nosa organización ten que apostar por abrirse á sociedade, por medrar e por reforzar a súa identidade partidaria sumando a En Marea para gobernar Galicia. Un espazo imperfecto pero en construción que de seguro que terá unha mellor base cos e coas galeguistas de Compromiso.


Nota 1: Non se me ocorre mellor candidato e referente de Compromiso por Galicia en En Marea que Xoán Bascuas.
Nota 2: Urxe un cambio político no País, porque ante o pode que, quizais, quen sabe, temos varias xeracións de galegos e galegas que estamos emigrando para poder seguir a medrar persoal e profesionalmente, expulsados polas políticas de Feijóo. Compromiso ten que estar á altura.
Nota 3: O espazo político de Compromiso, o marcado polos estatutos, o declarado na noso Congreso Fundacional, repetido e recollido en varios textos que remarcan a nosa vocación cooperativa e transformadora, é o que a día de hoxe significa En Marea. Non nos enganemos.


Paulo Carlos López López, foi candidato de Compromiso por Galicia nas Eleccións Europeas

Compromiso non pode ser mero espectador



C.Alberte Muíño Naveira
Este próximo 17 de abril Compromiso por Galicia decide a forma de concorrencia as Eleccións Galegas.

Dende que naceu Compromiso por Galicia alá en decembro do 2012, sempre tivemos claro que Compromiso nacía como ferramenta cidadá para o cambio, ferramenta a dispor da cidadanía, aberta democrática e progresista, a pluralidade de Compromiso que ideoloxicamente decidiu encadrarse dentro do eixo do progresismo e a social democracia estivo e segue a estar posta en dúbida por determinados movementos internos que teñen un corte centro dereita, que si ben son una inmensa minoría, si souberon situarse en lugares importantes e facer aliados que lles dan protagonismo e que mesmo tentan desprazar ese eido ideolóxico na procura de una volta a fracasadas experiencias políticas de pasadas decadas,  un regreso o pasado que nada aporta e si pon impedimentos para o futuro de Compromiso. Algunhas desas voces aspiran a una mal chamada independencia no panorama político galego, independencia que a todas luces está errada, partindo da premisa de facer de compromiso unha ferramenta da cidadanía galega, que foi e debe ser o principio único que este pode e debe ter, si partimos dese principio, Compromiso a día de hoxe debe ter claro o seu posicionamento que non é outro que apostar clara e definitivamente polo cambio no goberno galego, non podemos estar criticando as políticas do Partido Popular e a liña seguinte favorecer con unha candidatura en solitario a permanencia do Partido Popular no goberno.

Si ben a nosa forza é pouca, si que temos que ter claro que esa forza debe de ser orientada cara espazos de confluencia que poidan ter unha garantía de un cambio efectivo, tanto nas políticas que se levan adiante no noso país, como na presencia de este no panorama estatal, esa posibilidade a día de hoxe ten un nome, e non é outro que os espazo político que ten demostrado aglutinar o voto da cidadanía, e ese espazo chamase En Marea.

Compromiso, como ferramenta cidadá debe facer fronte común na Marea, por responsabilidade co país e cos galegos e galegas, apostar firmemente e de maneira decidida por este, máis mantendo a súa estrutura e mesmo reforzándoa, cousa que pasará si adoptamos a decisión de sumar e non restar.

Compromiso non pode ser un fin en si, debe permitir, axudar e acompañar a ese cambio, de non ser así, plantexando candidatura, simplemente estaríamos a restar no canto de sumar coa cidadanía a posibilidade de frear as nefastas políticas sociais do Partido Popular.

A nosa obriga como partido político, non é outra que tentar deixar as cousas un pouco mellor do que están, e non a de axudar a mantelas como están.

A factura que nos pode pasar voltar a quedar arredados da política nacional e moi cara, unha parte importante da militancia xa está a traballar en referentes que están englobados na Marea, e outros están empezando a estar cansos de ver como a cidadanía vai diante nosa e nos quedamos como meros espectadores do futuro do noso país.



C.Alberte Muíño Naveira, é Concelleiro de Compromiso en Betanzos 

POR COMPROMISO



Iván Marrube Rodríguez
O barco de Compromiso por Galicia foi construído nunha situación de enormes desafíos, cunha clara vocación de practicar nova política e navegar nesas coordenadas, nun contexto sociopolítico moi convulso, nunha época de ruptura entre as vellas e novas formas de participación política, na que hai mollarse, non vale navegar en augas mornas, nin dar debates estériles.

O traballo dunha organización política que entenda os retos e demandas aos que se enfronta a sociedade actual debe estar encamiñado a artellar propostas e proxectos capaces de dar resposta aos enormes desafíos da mesma, facer partícipe a esta dos elementos que lle afectan, con facilidade de implicación e poder de decisión. É preciso poñer en primeira liña os valores sociais e o activismo cívico e político, que son obxectivos esquecidos dos partidos socialdemócratas tradicionais.

Débense artellar organizacións realmente vivas , nas que poida fluír a participación cidadá en todas as direccións, que poidan canalizar o traballo e aportacións da cidadanía de forma útil en favor do interese xeral. Hoxe en día é preciso cambiar a maneira de entender a acción política, de practicala, tanto dentro das organizacións políticas como de portas para afora, débese dar renda solta a vocación de servizo público.

Hai que darlle valor á participación cidadá, ao papel da sociedade civil como protagonista, promocionar o cambio da indignación a implicación, artellar ferramentas políticas verdadeiramente útiles e acadar os gobernos para transformalos.

Todo isto, sen falar do grao de responsabilidade, non foi capaz de entendelo quen definiu o rumbo deste barco,  quen non fixo máis que afastarse do obxectivo para o que foi creado dende o momento que se botou ao mar, a pesares das advertencias e avisos de moitos mariñeiros.

Despois dunhas eleccións galegas nas que se fixo un moi digno papel tendo en conta as circunstancias, perdeuse a virxindade política nas eleccións europeas, nunha batalla que se deu con compañeiros de viaxe que non se sitúan na mesma trincheira. Tampouco se foi capaz de entender a situación política nas eleccións municipais (a pesar do gran papel feito polos compañeiros e compañeiras en moitos concellos, ben en solitario ben formando parte de candidaturas de unidade popular). Isto confirmouse nas xerais, nas que optamos por deixar o barco no porto en lugar de saír a navegar.

Non se foi capaz de entender que o minifundismo social non é útil na loita, que partiriamos sempre dunha mellor situación individual baixo os éxitos dunha loita colectiva.

É o momento de actuar sen ningún tipo de complexo, xa non vale "o si, pero non", con xenerosidade total, fundamentando o noso traballo unicamente baixo criterios de interese xeral e ben común. Cada día somos máis os que militamos en ideas en non en siglas, e estas para estar vivas, han de ser ferramentas políticas útiles para as demandas da sociedade.

Cómpre sen demora, dar un xiro decidido, marcar xa novas coordenadas,  dirixir o barco de Compromiso cara a unha integración na flota da marea e remar de forma útil para un cambio de goberno no País.

Cando non se fai máis que mirar para atrás, pendente das áncoras do pasado, as túas velas nunca colleran o ar do vento do futuro.

Iván Marrube Rodríguez, foi o nº1 na lista de Compromiso pola provincia de Lugo, nas eleccións o Parlamento Galego en 2012

información e Documentación para a Convención Electoral Nacional

Xá tedes o voso dispor toda a documentación e información para a Convención Nacional Electoral de este 17 de abril, accede a ela dende aquí.

http://comprometidoscoamarea.blogspot.com.es/p/informacion-para-convencion-nacional-ele.html

Bases para un galeguismo útil

A FONDÍSIMA CRISE do BNG, o fracaso na constitución do Grupo Parlamentario de En Marea e máis as insuficiencias do galeguismo político para conectar coas novas realidades sociais están a xerar importantes realiñamentos políticos. Medra a conciencia de que compre unha ampla converxencia para que o galeguismo reinvente a súa condición de forza útil e garantía  de boa gobernanza.
Xoán Antón Perez Lema

    Semella que esta converxencia habería ir moito máis aló que un simple reagrupamento ou “patchwork” de convencidos e vellas glorias. Para ser útil o galeguismo ten que resintonizar co País, nomeadamente coa xente máis nova., Ten que interpretalo e construir un relato novo. E para iso compre unha estruturación moi plural e horizontal, dende a adscrición individual, trascendendo dos estreitos límites orgánicos dos actuais partidos políticos. E percurando unha vocación cidadá, aberta e integradora.

  Porque un galeguismo útil habería partir da nosa identidade, mais estará moito máis preocupado por Galicia como proxecto cívico e como vontade de ser. E interpretará o autogoberno como o instrumento imprescíndibel para o noso benestar, á vista de que os alicerces estratéxicos da nosa economía son absolutamente prescindíbeis para o Estado español.

  Un galeguismo útil só pode basearse na convivencia interclasista nos valores da inclusión e cohesión social. Priorizando os servizos públicos como garantía de benestar. O que esixe tomar conciencia da necesidade dun novo financiamento autonómico e local e dunha compensación a xeito pola nosa vocación de produción enerxética.

 Unha tal reformulación do galeguismo está chamada a se entender co progresismo español, nomeadamente con Podemos. Para gobernar e mesmo, probábelmente, para forxar combinacións electorais exitosas. Son forzas que partillan obxectivos no curto, mais dan vida a proxectos moi distintos .

 Un galeguismo útil ten vocación de goberno e quere cogobernar axiña. É consciente das dificultades deste momento histórico, non promete asaltar os ceos nin o Palacio de Inverno e fornece día a día de solucións fondamente transformadoras, pero posíbeis. Porque sabe que o patriotismo, a honradez e o proxecto de País esixen unha gobernanza pragmática e útil para a cidadanía.
O autor é avogado

 Xoán Antón Perez Lema, é membro do Consello Político Nacional de Compromiso por Galicia

Artigo de Xoán Antón Perez Lema para El Correo Gallego

Entrevista a Xosé Manuel Perez Bouza

Xosé Manuel Pérez Bouza
"O que está en xogo nas próximas eleccións galegas é un cambio de goberno. 
É unha posibilidade certa a derrotar do Partido Popular, e máis que a primeira forza sexa unha forza nacionalista, progresista e de esquerdas. 
Ahí é onde debemos estar tod@s aqueles que nos movemos nestes parámetros."
X.Manuel Perez Bouza

 Escoita aquí a entrevista completa:


Xosé Manuel Pérez Bouza, é membro da Comisión Executiva Nacional de Compromiso por Galicia

O camiño de Compromiso

Vivimos tempos de mudanzas, confusos, onde as certezas doutra hora e os paradigmas existentes axudan moito menos que antes para comprender a realidade política que nos rodea. A política galega non é allea en absoluto aos novos tempos e os últimos acontecementos electorais viñeron a reconfigurar parcialmente o mapa político; nalgúns casos precipitando tendencias xa existentes, noutros minando a fortaleza de ofertas políticas que parecían graníticas como as do Partido Popular.

Manuel González López
As incertezas propias deste tempo non poden sen embargo facernos ignorar ou non ver o que a sociedade, agora con máis claridade que antes, está a indicarnos. O deterioro do bipartidismo así como a remuda no nacionalismo, prodúcese en paralelo á eclosión dun suxeito político aínda en construción que por non ter non ten nin un nome definido, se ben todos identificamos xa coa Marea. Aí se reúne hoxe a vontade e a ilusión de cambio da sociedade galega, e digo hoxe porque en política o tempo presente é o decisivo, máis en momentos revoltos. Quizais puidera ter sido doutro xeito, doutro máis achegado á outras formas de ver o país e a sociedade, pero a realidade é a que é.
Nese contexto os actores políticos existentes e os que naceron neste proceso de creación destrutiva, por usar a terminoloxía de Joseph Schumpeter, teñen dúas opcións. Agardar a que escampe, a tempos mellores, ou adaptarse acorde aos ritmos e á dirección que marca a sociedade. As dúas xeran incertezas, as dúas teñen custes e beneficios pero, non nos equivoquemos, as dúas son escravas da ditadura que xoga o “hoxe” en política. Recollo aquí as verbas de John Maynard Keynes “no longo prazo todos mortos”, e non coa finalidade de xuntar a dous economistas insignes do século XX no mesmo parágrafo.
No caso que nos ocupa, o de Compromiso por Galicia, coido que é momento de realizar unha aposta decidida por sumar o seu capital político e o seu acervo ideolóxico a ese suxeito en construción nucleado pola Marea. Negar que iso significa facer concesións na nosa práctica política e tamén concesións ideolóxicas sería negar o evidente. Pero non tomar esa decisión sería ignorar o que, gústenos ou non, nos vén dicindo a sociedade dende que nacemos até hoxe. E o que nos está a dicir é que alí onde Compromiso pode presumir de gañarse a súa confianza, que foi polo momento só no ámbito municipal, as sinerxías e a compatibilidade coa Marea é practicamente plena. Alí onde temos alcaldía (Vilar de Santos, Lalín e Muros) e onde obtivemos un resultado superior ao 20% (Maceda, Outes e Ourol) Compromiso non competiu coa Marea e/ou percibiuse como a alternativa ás forzas políticas clásicas. Esta dinámica é a mesma en practicamente todos os concellos nos que obtivemos representación en solitario (A Baña, Arzúa, Barbadás, Betanzos, Cualedro, Guitiriz, Láncara, O Paramo, Ribadavia, Samos e Taboadela). Evidentemente a compatibilidade é plena alí onde o partido ou a nosa afiliación se presentou en fórmulas plurais asimilables á Marea como en A Coruña, A Pobra, As Pontes, Culleredo, Lugo, Noia ou Sarria. Tamén o é na maioría dos concellos onde nos presentamos pero non obtivemos representación.
En definitiva, é o momento de virar o rumbo  e de tomar decisións que por ser complexas non deixan de ser precisas e inmediatas. Debémolo facer sen renunciar ao noso proxecto e a agrandar unha casa na que sabemos que moitos homes e mulleres, algúns aínda noutras, se sentirían cómodas. Hoxe o galeguismo socialdemócrata precisa á Marea para poder ser útil á sociedade do mesmo xeito que, sen ánimo pretensioso, penso que a Marea precisa de Compromiso para poder avanzar cos pés máis apegados á terra.

Manuel González López, é Concelleiro de Compromiso en Outes

COMPROMETIDOS COA MAREA